galego | castellano

FAQ | Preguntas frecuentes

Que é a tradución automática?

Chámase tradución automática ao proceso informático que traduce dun idioma para outro sen requirir a intervención humana. Normalmente o labor do usuario/a limítase a indicar o texto que desexa traducir, o seu formato, o idioma en que se encontra e para que idioma desexa que se traduza. Será a aplicación específica a que realice automaticamente a tradución.

Para que serve a tradución automática?

A tradución automática facilita a tradución de texto, documentos ou web de e para idiomas que o usuario/a non precisa dominar. Desta forma favorécese a comunicación e/ou o acceso á información independentemente dos coñecementos lingüísticos da persoa usuaria ou destinataria.

Como funciona o tradutor?

O tradutor está composto por unha serie de módulos polos cales pasa o texto introducido polo usuario/a de forma que o último deses módulos devolve o texto na lingua de destino indicada. O primeiro dos módulos separa o texto das posibles marcas de formato e o envíao para o segundo, que o analiza morfoloxicamente e este para os seguintes dous, os cales, entre outras cousas, resolven posibles ambigüidades de significado e detectan o equivalente na lingua de destino consultando os seus dicionarios (ten tres: un por idioma e outro bilingüe). Após esas análises o texto pasa ao módulo de transferencia estrutural, que reordena as palabras ou secuencias de palabras segundo certas regras gramaticais que resolven as diverxencias entre a lingua de orixe e a de destino. Por último, xérase o texto xa traducido e devólveselle o formato de orixe.

Como podo traducir texto?

É moi doado: primeiro tes que inserir o texto que desexes traducir na caixa de texto que podes observar na páxina principal do Frontrad, despois tes que seleccionar a dirección de tradución e premer o botón Traducir. Por exemplo, se o texto está en galego e o queres traducir para español tes que escoller Galego-Español' na lista despregable que se mostra enriba da caixa de texto e, por último, premer o botón Traducir que se mostra debaixo da caixa de texto. A tradución mostrarase xusto debaixo da caixa de texto. Se queres que na tradución se marquen as palabras descoñecidas (palabras non presentes nos dicionarios do tradutor e que por tanto non traduce) para así poder revisalas posteriormente, tes que seleccionar a opción Marcar as palabras descoñecidas.

Como podo traducir documentos de texto?

Para traducir documentos de texto nos formatos admitidos (doc, docx, odt, txt, html, rtf, xlsx e pptx) debes ir á área Tradución de documentos do Frontrad e alí escoller primeiro a dirección de tradución (por exemplo, Galego-Español se o que desexas é traducir un texto en galego para español), despois debes indicar o formato do documento que vas traducir. A seguir é cando se selecciona o documento que se vai traducir, para iso hai que premer en Procurar..., que abrirá unha xanela onde podes navegar até localizar o documento concreto. Se queres que na tradución se marquen con asterisco as palabras descoñecidas (palabras non presentes nos dicionarios do tradutor e que por tanto non traduce) para así poder revisalas posteriormente, tes que seleccionar a opción Marcar as palabras descoñecidas. Por último, preme Traducir e ao cabo duns segundos aparecerá no escritorio do teu computador un ficheiro que terá o mesmo nome ca o que enviaches a traducir mais co engadido -es ou -gl (segundo a dirección da tradución) para así o diferenciar do orixinal. O tempo de espera dependerá do tamaño do ficheiro (o máximo son 20 megas).

Como podo traducir páxinas webs?

Podes traducir páxinas web na área Navegación e tradución do Frontrad. Primeiro tes que seleccionar a dirección de tradución (por exemplo, Galego-Español se o que desexas é traducir unha web en galego para español), despois inserir o enderezo da web (en formato http://www.paxinaweb.com ou semellante) en URL e, por último, seleccionar se desexas que se marquen con asterisco as palabras descoñecidas.

Para que serve a opción "Marcar as palabras descoñecidas"?

Esta opción marca as palabras que non traduce cun asterisco para así indicar as palabras que necesitan revisión. Estas palabras non se traducen por non estaren presentes nos dicionarios do tradutor. As palabras mal escritas ou os estranxeirismos de uso pouco común tamén se marcan con asterisco, por iso é altamente recomendable revisar os textos ou pasarlles un corrector ortográfico antes de os traducir. Para ampliar os coñecementos lingüísticos do tradutor e, por tanto, os seus dicionarios, existe un formulario mediante o cal podes informar sobre palabras ou expresións ausentes.

Que tipos de documentos podo traducir?

Pódense traducir documentos nos seguintes formatos: doc, docx, odt, txt, html e rtf . De forma experimental están tamén incluídos os formatos: xlsx, pptx e xpresstag.

Como podo obter os mellores resultados co tradutor?

Existen certos trucos que poden axudarche a obteres unha tradución automática de alta calidade. Estes son os consellos máis relevantes:

  1. Corrixe o texto orixinal antes de realizar a tradución. Un tradutor automático non é un corrector, polo cal os erros que teña o texto orixinal afectarán o seu desempeño. Por exemplo, se traduces a frase “el tendria la libertad” obteremos como resultado “o *tendria a liberdade”, xa que "él" (pronome) e "tendría" (verbo) son palabras acentuadas en castelán e o tradutor identificou, respectivamente, como artigo (“el” sen acento) e como palabra descoñecida.


  2. As frases curtas e simples favorecen que as traducións sexan correctas, xa que é máis fácil evitar desta forma posibles ambigüidades. Un texto ambiguo resultará nunha tradución ambigua.


  3. Coida tanto a puntuación como a sintaxe, elementos fundamentais para a comprensión daquilo que se quere expresar e para a súa correcta transmisión.


  4. Evita as expresións coloquiais e idiomáticas xa que talvez causen confusión e dificulten a boa comprensión por parte da persoa tradutora/lectora e, ao mesmo tempo, provoquen erros na tradución.


  5. A revisión da tradución é fundamental xa que os procesos automatizados tenden a empobrecer o idioma.

Para que serve o formulario Envío de palabras/expresións?

Este formulario creouse para comunicar palabras ou expresións non traducidas polo tradutor automático, para indicar traducións consideradas incorrectas ou para informar das palabras que na tradución apareceron cos símbolos # ou @, ausentes do texto orixinal.

Por que o tradutor deixou algunhas palabras sen traducir?

A razón principal para que o tradutor deixe palabras sen traducir é que non se encontren recollidas nos seus dicionarios, e isto pode deberse a diversas causas: porque non son correctas (mal escritas, estranxeirismos etc), porque son pouco comúns ou de creación moi recente (tecnicismos, novas tecnoloxías) ou porque non se detectou a súa ausencia. Para mellorar o desempeño do tradutor e corrixir posibles ausencias nos dicionarios, creouse un formulario mediante o cal é posible informar sobre palabras ou expresións ausentes e así ampliar os coñecementos lingüísticos do tradutor.

Que significa o asterisco que aparece ao lado dalgunhas palabras?

O asterisco que marca algunhas palabras indica que esas palabras non foron traducidas por non estaren presentes nos dicionarios do tradutor. As palabras mal escritas ou os estranxeirismos de uso pouco común tamén se marcan con asterisco, por iso é altamente recomendable revisar os textos ou pasarlles un corrector ortográfico antes de traducilos. Para ampliar os coñecementos lingüísticos do tradutor e, por tanto, os seus dicionarios, existe un formulario mediante o cal podes informar sobre palabras ou expresións ausentes.

Na tradución aparecen os símbolos #/@, que significa?

Os símbolos #/@ poden pertencer ao texto orixinal ou ben indicar algún tipo de erro que se produciu á hora de construír os dicionarios do tradutor. Para informar sobre estes erros podes utilizar o formulario disposto para o envío de palabras e expresións.